Tinta

Tinta_InmaLopezSilva
Unha selección de relatos escritos durante a primeira década do século XXI. A autora de ‘Memoria de cidades sen luz’ amosa nestes textos, de asunto aparentemente heteroxéneo, as teimas e paixóns dunha vocación literaria que atravesa eses dez anos cun pulo creador constante.

A literatura dunha década, un ciclo literario completo que lectoras e lectores poden percorrer ao tempo que se debruzan sobre os mundos ficcionais de Inma López Silva. Nos relatos de Tinta agroma a semente dalgunha novela xa publicada a carón do paseo, páxina a páxina, de criminais encantadores, soñadoras de toda caste, actrices tristes, caricaturas de ditadores, peregrinos loucos e fotógrafos do vento que atoparon vida na tinta xurdida da capacidade fabuladora da escritora.

Os relatos deste libro foron escritos entre os anos 2000 e 2010 malia no libro non estaren ordenados cronoloxicamente. Segundo confesa a autora, “Todos eles están xa publicados, sexa por figuraren en distintas antoloxías ou revistas, sexa por seren premiados nalgún certame literario. A súa edición nun único volume non responde a outro obxectivo ca salvalos da dispersión e, nalgúns casos, do esquecemento”. Por iso, os relatos de Tinta non manteñen unha unidade nin de asunto nin de estilo; así e todo, por baixo destas “diferenzas cualitativas flagrantes” entre uns relatos e outros, lectores e lectoras han atopar como fío condutor a unidade que as teimas, as obsesións e as paixóns da autora lle outorgan. Trátase, pois, da “tinta” que correu polas veas da escritora ao longo dos dez últimos anos.