Aniversario feliz

Quixen ver un xesto do destino no feito de onte, día do meu aniversario, acabar co bote de crema “youth surge age deceleratin moisturizer spf15”. Foi coma se nas últimas semanas o fose estirando, aproveitando ata a última pinga de crema, coma se a fonte de mocidade que indica na etiqueta estivese secando á medida que as horas me levaban inexorabelmente cara aos 37 anos.

Lembro cando a miña nai fixo os 37 e véxome agora coma unha desas mulleres que ollan con nostalxia os vinte anos de cando daba a sensación de que podía comer o mundo. Onte, mentres estendía a crema antiidade polas fazulas, decateime de que, se cadra, xa comín o mundo aos bocados e agora prefiro saborealo. Velaí unha das razóns da idade que tentamos borrar con química sobre a  nosa faciana, coma se non fose importante na vida dunha o feito de saber que o tempo sempre pasa para ben sobre o cerebro, e para mal sobre a pel do cute. Eu comín o mundo e sigo coméndoo a medida que a miña conta corrente tenta loitar contra os signos do empacho sobre a pel.

A miña nai, dicía, fixo 37 o 28 do mesmo mes de maio no que eu fixen 7. Lémbrame máis cando fixo os 33, non sei por qué, pero tamén lembro aquel sete e as enrugas que tiña na fronte e onda os ollos, enruguiñas que agora se chaman “de expresión” e que ela daquela entendía lóxicas cada vez que me achegaba a mirarlle fixamente a pel da cara, prolongando bicos e caricias. Non lembro á miña nai apurando un bote de crema Pond’s, que era a que usaba. Nin sequera a imaxino lendo o prospecto desta cousa sofisticada en inglés na que eu confío unha parte do meu atractivo feminino, coma se non soubera que é unha das formas contemporáneas de superstición que nos permitimos as que, en realidade, nos aburrimos de tanto ateísmo.

Por iso onte, cando o pechei e o gardei para, como fixo sempre a miña nai cos botes de crema, darllo á miña filla para xogar, mireime no espello e sentín ante min mesma un punto de vergoña. Non debería ter medo ao paso do tempo. Non debería sentir o peso simbólico das enrugas onda os ollos e na fronte. Non debería preocuparme gran cousa por esa superficialidade un tanto snob coa que as escritoras nos empecinamos en saír nas fotos da contracuberta dos nosos libros. Cando as miñas fillas teñan sete anos, fixaranse na miña relación coas cremas ou co paso do tempo?

Inma López Silva