Volver

Ás veces o tempo de silencio é necesario para pensar, pero no meu caso o tempo foi preciso para darlle un novo ton a estes escritos que, de aquí en diante, xa non poderán ser Maternosofía de nai primeiriza, senón Maternosofía dobre, de nai primeiriza de Sofía que debe lidar desde hai catro meses coa preñez de Carmen.

Estes meses de silencio, por tanto, foron tempos de cansazo absoluto sen máis ánimo para escribir ca o das obrigas estritamente profesionais, de correr detrás dunha nena de ano e medio cunha barriga que medra coma se diso dependese a paz no mundo. Así que volvo a ese tempo no que constato que o que ten o embarazo de marabilloso é en boa medida literario e no que asumo, en realidade, que se noutrora a alegría levaba o nome de Sofía, agora esta leva o nome das cancións, da esperanza armada de primavera e da familia que se constrúe co formigón que vén sendo o cariño infinito ao que obrigan os nenos. Engordando coma unha burra.

Velaquí o novo Maternosofía, que, en realidade, volve ás orixes con azos renovados. Seguiremos falando.

Inma López Silva