Conciliando que é xerundio

Comezan as clases e eu, que xa levo unha semana de gardería coa vida máis ou menos resolta, dei en pensar niso da conciliación e en como se expón o asunto neste país de horarios laborais imposíbeis, salarios baixos, recorte de bolsas de comedor e déficit de prazas de gardería. Porén, cando falamos dos fillos e dese encaixe de bolillos que é organizar todo para que non queden sós, non faltar aos traballos, non perder ningunha comida e, sobre todo, non morrer no intento, dá a sensación de que somos nós, as nais, as que temos que apañar toda esta cousa para que ningún outro membro da familia quede na estacada. Conciliar é cousa de mulleres?

Hai quen di que hai algo de natural nese colo da nai que piden os bebés sempre que teñen algún dos seus infantís problemóns (ese lego que non me entra, esa boneca á que lle caeu un brazo, o chupete que non sei onde me vai, aquela billa que me molla se a abro); pero eu, que teño xa unha longa experiencia de 15 meses neste asunto, teño para min que esa dependencia das nais ten moito que ver con que aprendemos a estarmos sempre dispoñíbeis para eles, mentres que os seus pais están, en realidade, cando lle cadra. Polo menos desde o punto de vista dun bebé, que ten o seu aquel. É evidente que “conciliar” implica facer o posíbel para que a mamá poida atender os nenos e ás veces, só ás veces, isto implica que o papá teña que facer el tamén algún axuste que permita que mamá non perda o seu traballo, non morra nun accidente por exceso de velocidade (ou teña unha multa) e, sobre todo, que mamá poida ter facilidades para pedir mañás cando hai que ir ao pediatra. Velaí a conciliación á española.

Eu, que teño a sorte de ter un horario relativamente flexíbel que facilita moito a organización da vida cun bebé, teño a mala sorte de ter un home que ten un inflexíbel horario de 8 a 5 a unha hora de distancia da casa, nun traballo que lle encanta tanto coma a min o meu e que entre os dous aportamos un par de salarios interesantes para os tempos que corren e que nos facilitan moito a vida, xa que aquilo que non podemos facer tentamos poder pagalo. Por iso sei ben o que é asumir que quen concilia na casa é a muller. Ninguén cuestiona no noso entorno que, se alguén debe adiar as súas obrigas laborais ou facelas pola noite, esa son eu (tamén é certo que nós non podemos ter un laboratorio na casa para que el faga os seus potingues). Ninguén lle dixo ao meu home que fixera o que (menos mal!) se lle ocorreu a el mesmo: asumir que o seu descanso tralo traballo é un tempo para dedicarse á nena mentres eu traballo todo o que non puiden facer mentres el estaba no seu e eu a atendía a ela. E cando digo ninguén, é ninguén.

Asumimos tranquilamente e sen discusión que as nais xamais descansamos (fai parte da parvada esa da nai abnegada), precisamente para conciliar a vida familiar e laboral, mentres que os pais, pobriños, teñen dereito a esa cervexiña no balcón que a min tanto me gusta tamén e que agora compartimos, felices e conciliares, cando a nena dorme e o tempo e para nós.

Si, a conciliación coa vida, en xeral, é cousa de mulleres. Un micromachismo máis do que logo proceden depresións, ansiedades, falta de defensas, vitaminas, etc. E cando unha consegue esa difícil arquitectura que é o cronograma diario dunha familia entre semana, o traballo aínda non rematou, pois ten que dedicarse ao labor de supervisión, avaliación e control de calidade. Isto é interminábel.

Ás veces pregúntome qué pasaría se eu deixara de preocuparme de todo iso. En primeiro lugar, que as cousas non domiciliadas non se pagarían (pobre asistenta, que tamén concilia: imaxinen o caos que se armaría na súa casa se non nós non lle pagamos a fin de mes!); a comida, que non nace no frigorífico, non aparecería; a nena quedaría unha chea de veces agardando o sono dos xustos a que alguén que non foi avisado e, e tampouco se preocupou por saber, a vaia recoller na gardería. Se eu non concilio, aquí ía arder Troia.

Espero, por iso, non educar a Sofía nesta idea proactiva de que ela ten que resolver todo o que lle afecta, porque chega un punto en que as cousas que nos afectan son, indefectibelmente, traballo dos demais. A ver como me sae. De momento, gaña a conciliación á española un a cero.

Inma López Silva