Mudarse e voltar

Perdón, pero mudamos de casa e isto fóisenos das mans. Tiña milleiros de ideas maternais e non tan maternais para contarvos nos últimos dous (dous!) meses, pero agora só me sae dicir que facer unha mudanza cun bebé de 14 meses é, seguramente, a proeza máis grande que fixen xamais. Non só é que sexa molesto (que o é) andar coa túa vida metida en 60 caixas dun lado para outro e a túa cativa metida nalgunha delas en todo momento. Non só é que teñas medo de que se manque con tanta cousa fóra do seu lugar, con tanto perigo á vista, con tanta caixa de ferramentas aberta e con tanto montacargas pendurado das xanelas. Non só é que te perdas os primeiros días na casa nova e non saibas por onde procurar á túa filla que, sen dúbida dá cos acubillos máis imposíbeis. Non. Creo que o peor é ter que reformar á nena despois de ter recorrido á inestimábel axuda dos avós.

Practicamente tres semanas de abuelismo son un bache educativo tremendo, créanme. Á volta hai que volver ensinarlle a comer, a durmir, a baixar a voz, a non ser atendida de inmediato, a estar soa, a estar con xente, a non zouparlles aos demais nenos no parque, a non rachar os libros, a non xogar a tirar todo desde a trona. Ás veces marabíllome de que nós saisemos tan guiadiños despois de termos sido educados polos mesmos que nos reviraron á Sofía co de arriba para abaixo mentres nós construiamos un novo fogar pensado para a nena que tiñamos antes, non para este Gozilla loiro que nos devolveron.

Mais cando Sofía dorme, por momentos, albíscase a nena que era e sei que en breve, e cun pouco de axuda da gardería, paliaremos o abuelismo e saberemos a que aternos cando o calendario ameace co Nadal…

E si, tralo caos, vén a calma dunha casa con vistas, e, inspirada, retomo esta crónica maternal.

Inma López Silva