Durmir

A forza de verdade, a falta de sono converteuse nun tópico maternal. Primeiro, porque a lactante non ten horarios e vén sendo a teta e maila súa portadora a que, en plena noite, cada hora e media ou cada dúas horas, ten que permanecer máis ou menos esperta. Logo, cando entras en razón e decides que o biberón é o mellor aliado da nocturnidade, igual dormes catro horas seguidas vanagloriándote polas bondades do traballo en equipo que che ensinaron na escola e que non puideras comprobar ata agora. Despois, a iso dos tres ou catro meses, con sorte, a bebé empeza a durmir cando ten que durmir e a estar esperta cando ten que estar esperta, pero o seu concepto de vixilia adoita ser incompatíbel co teu concepto de fin de semana. E aí estamos.

As nenas e os nenos son tremendamente programábeis, rigorosos, disciplinados, ata o punto de que gozan das rutinas coma ningún outro ser sobre a cortiza terrestre. Pero a contrapartida disto é que, se a unha lle cadra, coma a min, que a disciplina da súa filla é a de ser madrugadora, xa nunca máis volverá durmir ata tarde. “Lémbrache cando puñamos o radioespertador para ir espreguizándonos entre as nove e media e as dez?”, dicíalle eu ao meu home con nostalxia, mentres cortabamos os paíños para xogar a sortes quen durmía ata as 10 o domingo e quen se erguía ás 7:30 para atender a Sofía…

Porén, eu atopei un secreto pracer neste non durmir ao que xa me afixen. Espertar antes ca Sofía pode ser marabilloso. Cando o sol entra de esguello polas xanelas, érgome termando moito de non facer ruído para preservar o momento. Vístome, lávome, maquíllome e peitéome a modo, dunha maneira furtiva que prolongo mentres almorzo recreándome no mundo visto pola xanela da cociña, fixándome mesmo na voz interior dos meus pensamentos. As mañás en silencio son coma un delito nas casas nas que hai nenos. Ás veces, se teño sorte de que ela se despista, escribo, coma agora. Outras veces, leo o xornal evocando os vellos tempos nos que non era nai e non sabía que a web dun medio de comunicación pode considerarse un premio. Nalgunhas ocasións, se lle albisco unha respiración fonda, mesmo podo atreverme a dar unha ducha.

Mais igual ca cando os mestres se trabucaban co reloxo e nos prolongaban cinco ou dez minutos o recreo, tamén agora me acontece que, pasado un tempo, xa me tarda oír a risiña de Sofía cando esperta e pórnos en funcionamento, con esa adrenalina diaria que os bebés che inxectan e que doce ou catorce horas despois, cando ao lonxe miras, con moito desexo, a cama, che fai preguntarte que estraña ansia de soidade che fixo erguerte tan cedo só para gozares da sensación de teres un espazo propio malia ser nai.

Inma López Silva
  • Ave

    Como nai de dous madrugadores só podo dicir que non lle atopo pracer ningún a levantarme antes, todo o contrario, o meu truco é meterme na cama con algún deles a ver se lle rapiño uns minutos máis ao sono… pero nada!! cando abren os ollos acabouse a paz!! Envexo a esas nais que din: hoxe cando nos levantamos ían ser as 12.00!! Meu deus!! Ás 12.00!!!! eu levo 8 anos sin levantarme ás 12 da maña!!!! nin tan sequera algún deses domingos nos que trasnoitamos, porque os avós non teñen culpa de que a nós nos apeteza de cando en vez saír, como a xente da nosa idade, a cear e tomar unhas copiñas. Asique eu ( EU, a nai, conste en acta), ás 10 da mañá, aínda que sexa cunha resaca de mil demonios, vou buscar os meus madrugadores que xa están dando guerra desde as 8.

    • inmalopezsilva

      Ai, o que me espera! Pero eu resístome a metela na cama comigo porque teño medo de que se afaga e… crear un monstro! Logo non se che vai meter alí, á hora que sexa, cada vez que lle dá por aí, ou que ten medo ou algo así?

      • xsomoza

        Desde quando umha pessoa se converte num monstro por dar-lhe carinho?
        Se metes na cama contigo à tua criança bem certo que nom a quitas da cama até os 20 ou mais… ou no melhor dos casos pode voltar-se umha assassina em série, ou o que é pior, converter-se num político do upydppsoe…

        • inmalopezsilva

          jajaja! Enténdeme. Eu non son partidaria do coleito, pero tampouco creo que aquela que dormen coas nais vaian ser asasinas en serie… REferíame a que teño medo de metela na cama comigo un día que chore e que logo se afaga e non me deixe durmir soa nunca máis!!