Ser nai a tempo parcial

Estes días teño medo do futuro inmediato: en xullo e agosto non teño gardería. Sofía xa ten 13 meses, xa camiña, xa explora e, sobre todo, xa desenvolveu unha importante capacidade para facer mal, e non esaxero se escribo aquí que atendela a ela e peor que termar dun borracho diante do botón atómico de Irán. Coma sempre, vivo con sentimentos contraditorios. Por unha banda, non son unha desas nais que estea desexando liberarse da súa filla. Gústame estar con ela, xogarmos xuntas, observar as súas evolucións e gozar do pracer inmenso do seu agarimo incondicional. Pero por outra banda, si son unha desas nais que aproveita ao máximo o tempo de seu para dedicar ao seu traballo intelectual: escribir a miña próxima novela, o meu próximo ensaio e uns cantos artigos que andan por aí sendo reclamados xa, por non dicir, por suposto, as obrigas administrativas da fin de curso, que non entenden de adiamentos nin de maternidades. Ata agora, logrei compaxinar as dúas cousas practicando unha sorte de maternidade a tempo parcial grazas a ese marabilloso invento: a gardería. No mes de febreiro, cando mandaron a notiña preguntando, pareceume o máis normal do mundo. Para que imos pagar a gardería en xullo e agosto? Se son as vacacións! Será marabilloso estar con Sofía todo o tempo… Claro que daquela Sofía non andaba e case non facía máis ca durmir, os seus movementos eran controlábeis nun metro cadrado derredor dela e a súa psicomotricidade fina impedíalle agarrar cousas e guindalas, por exemplo, á taza do váter. E agora aquí estou, retirando cunhas pinzas bonequiños do fondo do urinario, fantaseando sobre se Duchamp diría que son arte ao verme, preocupada polos dous vindeiros meses de sobreatención á miña filla e o conseguinte déficit de atención a min mesma. Atoparei a maneira de salvar este problema?

Inma López Silva