Entrevista en Biosbardia

O xornalista César Lorenzo entrevista a Inma López Silva en Biosbardia. O punto de partida, Maternosofía. O punto de chegada, a literatura, a vida, Galicia.

César Lorenzo Gil.
Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das escritoras novas con maior influencia. Con anteriores obras gañou os dous premios máis prestixiosos de novela, o Xerais e o Blanco Amor e tanto crítica coma lectores están atentos ás súas propostas narrativas. Tamén destaca o seu labor de columnista, ensaísta e teórica da arte dramática, área na que exerce a docencia. Agora presenta Maternosofía (Galaxia), texto no que propón converter a experiencia do embarazo nun relato literario con formato de diario. Desa obra e de máis temas falamos nesta entrevista.
En Maternosofía converte en libro a súa experiencia como embarazada. Como nace o proxecto. Foi paralelo á gravidez, tiña idea de facer un diario antes…?
Nace no mesmo momento no que comezo a escribir, tal e como se conta no primeiro capítulo, cando xa sei que estou embarazada e asisto a un acto do meu partido político. E así continúa até o momento do parto. Evidentemente, hai unha revisión posterior, cando xa a editorial decidira a publicación do libro, mais foi só unha relectura esencialmente formal e unificadora. Coido que Maternosofía é o produto da miña pulsión literaria a modo de necesidade. Dun xeito ou doutro, creo que todas as escritoras e escritores posuímos ese impulso por indagar nas emocións, por compartilas cos lectores, por contar, por levantar acta literariamente daquilo que nos poboa o maxín. Neste caso, trátase dunha experiencia persoal aínda que quizais nos deberiamos preguntar se iso non ocorre en todos os libros, que nacen dun punto de vista propio.
Seguir lendo
Inma López Silva