“O que se agarda socialmente é que cumpras coa túa suposta obriga de ser nai 24 horas”

Algo pasa na sociedade para que siga a tratar, moitas veces, a muller embarazada como ser débil e discapacitado laboral e intelectualmente. Sobre isto reflexiona a escritora e crítica teatral Inma López Silva en ‘Maternosofía’.

inmaslide

Inma López Silva

 

 

Inma López Silva relata a experiencia do seu embarazo en ‘Maternosofía’ (Galaxia). E non o fai para exaltar a maternidade, senón para reivindicarse a si mesma, e ás demais, como mulleres do século XXI que xa non teñen que renunciar a ser quen son polo feito de parir. Porque, aínda que ás veces non o pareza, queda moito machismo que bater. Moito discurso da nai abnegada que o deixa todo, ata a súa actividade cerebral, por amor todopoderoso aos fillos.

O libro foi feito como un diario durante o embarazo, non si?

Si. Fun escribindo durante o embarazo. Despois reiviseino e fixen o epílogo, para dar tamén o punto de vista de cando a nena xa estaba aquí.

Xa recorreras ao diario máis veces. Mais este é o teu libro máis íntimo. E semella que non che daba pudor compartir todo o que contas.

Non, porque a maternidade/paternidade é algo polo que pasa a maior parte da xente ou polo que aínda, sen ser pais, moita xente sente curiosidade. Non tiña a sensación de estar a contar algo tan persoal como para sentir pudor. Se me sentise así recorrería á ficción, como fixen en ‘New York, New York’.

Hai unha idea no libro que resume bastante ben o seu contido: “Estou farta de ver como mulleres intelixentes e activas se converteron en simples nais que paralizaron por completo a súa actividade cerebral”.

Esa foi a idea de raíz que me levou a tentar observar a maternidade desde fóra, desde a distancia. A sociedade espera que só sexamos nais, que o deixemos todo de lado. Eu antes de estar embarazada preguntábame se o embarazo me ía cambiar, se como se di as hormonas fan que sexas outra persoa… e non foi tal. Creo que todo iso é unha patraña inventada por unha sociedade xa non só cunha estrutura patriarcal, senón directamente machista, á que lle convén que as mulleres quedemos na casa mudando cueiros.

Nese sentido, o libro é desmitificador para quen crese nos mitos: o instinto maternal omnipotente e inexorable…

Son moitos moi extendidos, máis do que poida parecer. Eu mesma pensaba que nalgún momento tería que aparecer o meu “instinto maternal”, pero nada. E eu creo que é bo que alguén fale disto desde a experiencia. Porque, quen se vai atrever a dicir que non son unha boa nai porque non crea neses mitos?

O embarazo, comentas, paternaliza as persoas que tes arredor e vitimízate a ti, cunha sorte de sobreprotección da “débil” embarazada.

É verdade que nunca me trataran tanto como o “sexo débil” como cando estaba embarazada. É como se a xente pensase que durante o embarazo pasas a estar intelectualmente discapacitada. Eu tiven sorte e estiven ben, non tiven problemas físicos durante o embarazo, pero o que é certo é que cando estás embarazada parece que xa non es considerada válida para facer actividades que antes ninguén se preguntaba se estarías ben ou mal para facer. No meu propio partido houbo mulleres que dixeron que durante o embarazo era mellor que deixase as miñas responsabilidades. É tremendo. Porque o que se agarda socialmente é que cumpras coa túa suposta obriga de ser nai 24 horas sen facer nada máis.

Nese sentido, explicas que é o propio Estado o que fomenta os roles tradicionais, como con ese Libro da Saúde da Embarazada que sacraliza a lactancia materna e pasa por enriba do parto como unha cousa sen importancia para a muller.

É terrible, si. Eu tiven sorte porque fun dar a luz ao hospital do Salnés, que está bastante adiantado no tema do parto, e ademais teño unha xinecóloga coa que me entendo ben. Pero a maioría das mulleres son presionadas e culpabilizadas ata o extremo. Hai determinadas persoas que traballan no ámbito sanitario que te culpabilizan se non queres dar de mamar. E fan iso nun momento no que estás feita unha merda porque acabas de parir. Para min a lactancia é, como o aborto, unha decisión absolutamente persoal da muller sobre o seu propio corpo. Unha cousa é que lle expliquen das bondades de dar de mamar, e outra que anten con insistencias e culpabilizacións. É o meu corpo e as miñas emocións, así que terei que dicidir o que quero.

Outra cousa que comentas é que non se trata só de non estar disposta a renunciar á túa actividade intelectual e laboral, senón que non queres que a túa nena vexa ese exemplo de nai en exclusiva, porque pensas educala como unha muller independente.

Claro. E se fose un neno sería igual. Sendo unha nena creo ademais que teño a responsabilidade de que haxa un plus de exemplaridade pola miña banda se quero educala en igualdade.

Na reflexión que fas dos motivos de todo isto apuntas a un tipo de feminismo naturalista que enxalza a nai 24 horas. Non será máis ben o machismo de sempre o causante?

Creo que son as dúas cousas. Por unha banda o machismo que se mantén. Pola outra un tipo de feminismo ecoloxista e naturalista que fai da maternidade unha forma de identidade feminina, desde unha perspectiva coa que non estou de acordo. Non quero dicir que este tipo de feminismo non busque a emancipación da muller, senón que parte do seu discurso lle veu moi ben a ese machismo social que persiste.

Criticas tamén bastante o ‘Bésame mucho’ de Carlos González. Que é o rival do doutor Estivill. Hai pouco saíu ‘Donde está mi tribu?’ de Carolina del Olmo, que contradi a ambos, desde unha perspectiva diferente: a crianza como feito social.

É que o de Carlos González é… incrible. Vive dos libros, e a min sorpréndeme que as súas propostas teñan tanto predicamento. Ademais, amólame bastante que un home que non teña a posibilidade de vivir cun neno colgado das tetas para darlle de mamar a demanda 24 horas nos dea leccións sobre o que temos que facer. Se el pon como exemplo as mulleres bosquimás, que se faga chamán xa que é médico. Quero dicir, ten un ton manipulador que é bastante fácil de detectar, e bastante irrespetuoso. Non fala, por exemplo, de índices de mortalidade infantil nesas sociedades que pon de exemplo. Ademais que, como mulleres do século XXI, traballadoras e cun certo acceso á educación, creo que é difícil que atopemos a nosa vocación absoluta na maternidade full time. Máis ben creo que o discurso do sacrificio das nais, así como os discursos autoxustificativos das propias nais baseados no amor infinito aos fillos, tenden a culpabilizar a muller moderna ao cualificala de egoísta e mala nai.

Outra cuestión que remarcas, precisamente, é o do sacrificio da nai abnegada: sufrir no parto, non traballar, non saír da casa… Alén dos 40 anos de nacionalcatolicismo, parece que pesan moito os séculos de xudeocristianismo.

Si. Aínda que non recibamos unha educación relixiosa, está culturalmente gravado a ferro o “parirás con dor”. Parece que pares mellor se che doe ben. E ese dircurso da abnegación e o sacrificio da nai que a culpabiliza se non renuncia á súa vida… E sobre todo se é unha muller hedonista, entón moita xente segue a pensar que é unha puta.,.

Ademais, ese tipo de discursos atópanse, polo que se pode deducir do teu libro, na esquerda e na dereita…, é como unha persistencia do machismo en todo o espectro político, en toda a sociedade.

É verdade. Eu milito nun partido progresista cun compromiso coa igualdade, que fai discriminación positiva. Pero é moi difícil distanciarse de todas esas ideas herdadas de séculos. É como se se activasen de forma automática, despois de ser instaladas coa educación. As sociedades cambian despacio…

Inma López Silva